Thursday 19 de September de 2024

O Concello de Neda abre a inscrición para a “Ruta da Fervenza”, antesala da nova edición da Festa do Pan


A andaina será o 31 de agosto, con saída da área recreativa de Maciñeira

O Concello de Neda abre hoxe martes o prazo para anotarse na “Ruta da Fervenza”, que organiza no marco da programación da XXXIV edición da Festa do Pan de Neda. A iniciativa, con prazas limitadas, terá lugar o sábado 31 de agosto, en horario matinal

O itinerario gratuíto, programado para o día antes da xornada de exaltación do produto estrela da gastronomía local, partirá as 10 horas da área recreativa de Maciñeira, discorrendo río arriba, en paralelo ao curso fluvial do Belelle, ata chegar á súa espectacular fervenza.
En total será un percorrido de algo máis de 6,8 quilómetros (ida e volta) por terreo chairo, que permitirá desfrutar da contorna natural e coñecer parte do patrimonio etnográfico vencellado ao río.

As persoas participantes que tomen parte nesta camiñada poderán descubrir distintos aproveitamentos que, ao longo da historia fixeron que o Belelle fose clave no desenvolvemento económico de Neda. Así, poderán observar, por exemplo, algúns do antigos muíños (uns fariñeiros, outros concibidos como fábricas de papel…) que seguen en pé, ou a histórica central hidroeléctrica construída no seu día para dotar de electricidade a Ferrol.

Para anotarse, haberá que chamar ao teléfono 981 390 233 (de luns a venres de 9.30 a 13.30 h). As prazas asignarase por orde de inscrición. A actividade será totalmente de balde.